Sunday 19 de May de 2024

Mar destina 2,8 millóns de euros ás axudas a proxectos integrais para impulsar a coxestión dos recursos mariños


Poderán beneficiarse desta liña de axudas as confrarías de pescadores e as súas federacións, as asociacións de profesionais do sector, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar e toda entidade asociativa xuridicamente recoñecida e constituída por profesionais do sector que desenvolvan a actividade en Galicia

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde da Consellería do Mar pola que se convocan para 2015 as axudas para a realización de proxectos integrais que contribúan a unha mellor coxestión dos recursos e hábitats costeiros. A esta convocatoria a Consellería do Mar destina 2,8 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro.

Poderán beneficiarse desta liña de axudas as confrarías de pescadores e as súas federacións, as asociacións de profesionais do sector, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar e toda entidade asociativa xuridicamente recoñecida e constituída por profesionais do sector, sempre e cando desenvolva a súa actividade profesional no sector pesqueiro e marisqueiro e teña a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxecto destas axudas é mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúen á conservación do medio mariño e as súas especies. Por iso, serán obxecto de subvención, entre outras, as accións colectivas que se desenvolvan en Galicia que teñan por obxecto fomentar a extracción dos recursos mariños vivos dun modo responsable, equilibrado, sustentable e competitivo.

Tamén proxectos integrais que se centren nas zonas costeiras de interese para a produción ou reprodución dos organismos mariños, que fomenten a xestión sustentable, a conservación e protección das zonas de pesca e de produción marisqueira.

Os interesados en solicitalas poderán consultar os requisitos na orde que publicou o venres, 16 de outubro o DOG. Para a convocatoria de 2015, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte á súa publicación no DOG. As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es ou tamén de xeito presencial en papel.